Tuesday 17 de September de 2024

O centro social de Bértoa, protagonista nas prestixiosas publicacións de arquitectura AV Monografías e On Diseño


O edificio, deseñado polo arquitecto Carlos Seoane, abriu as súas portas no ano 2022 tras un investimento próximo aos 400.000 euros

O centro social de Bértoa é a imaxe de portada no número 428 da revista de arquitectura, interiorismo e arte On Diseño, unha publicación de referencia desde hai máis de corenta anos, que se caracteriza por estar promovida por un grupo de profesionais independentes que recollen, principalmente, o mellor do sector en España. A publicación dedica ao proxecto do arquitecto Carlos Seoane un total de sete páxinas, nas que describe, en español e inglés, as principais características do edificio, e inclúe numerosas fotografías.

Curiosamente, o centro social de Bértoa tamén é un dos edificios escollidos pola prestixiosa publicación AV Monografías para a súa edición do 2024, neste caso cun total de 8 páxinas nas que, xunto coa información en español e inglés e as fotografías, aparecen varios planos.

En ámbolos dous casos descríbese o emprazamento do centro social e a súa organización arquitectónica en dous volumes, un de uso diario con dúas aulas e unha oficina e outro de uso máis eventual a modo de auditorio ou sala de ximnasia. Entre os dous volumes hai unha cuberta continuar que enmarca o paso cara a zona verde posterior e crea un espazo de encontro veciñal. As publicacións destacan o uso do formigón e a madeira tratada para crear “un edificio público económico e sobrio que requira o mínimo mantemento”, e tamén subliñan a importancia da iluminación e do mobiliario como parte do propio deseño do edificio.

O centro social de Bértoa foi deseñado polo arquitecto Carlos Seoane e construído pola empresa Desarrolla cun orzamento próximo aos 400.000 euros, financiado polo Concello de Carballo. A súa construción coincidiu coa pandemia, o que retrasou a súa apertura ata o ano 2022. A primeira actividade que albergou, o 9 de xuño do ano 2022, foi unha reunión do consello parroquial, precisamente o órgano de que partiu a solicitude da súa construción e a elección do emprazamento, na zona verde do polígono industrial.

Dese aquela, ademais das iniciativas promovidas polo movemento asociativo da parroquia, ten acollido as feiras de emprego organizadas polos empresarios do polígono, bailes da Concellaría de Terceira Idade ou concertos do Conservatorio Profesional de Música, entre outras. Coma no resto dos edificios da rede de centros sociais do Concello de Carballo, son as propias entidades as que se encargan da xestión do inmoble en coordinación coa Administración local.